Sunday 19 de May de 2024

A directora de Turismo destaca a importancia da gastronomía e o enoturismo na oferta diferencial de Galicia como destino


A Fundación Amigos de Galicia galardoou nesta edición ao chef vasco Pedro Subijana, distinguido con tres Estrellas Michelin

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, entregou hoxe a Pedro Subijana o XV Premio Nacional de Gastronomía Lola Torres, promovido pola Fundación Amigos de Galicia. O acto, celebrado no Centro Superior de Hostalería de Galicia, contou tamén coa participación do delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo; o presidente da Fundación Amigos de Galicia, Miguel Villar, e o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez.

Nesta edición, este premio recoñeceu a traxectoria e valía tanto persoal como profesional do artífice dunha das referencias donostiarras da boa mesa, o Akelarre, que conta con tres Estrellas Michelin desde fai nove anos, catro Soles na Guía Campsa e unha puntuación de 9,5 sobre 10 en Gourmetour.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia destacou que resulta fundamental a posta en marcha de iniciativas que promovan e difundan a nosa gastronomía para conservar, así, a nosa tradición culinaria, poñela en valor, e consolidala internacionalmente.

Nava Castro resaltou o labor do Premio Lola Torres, que sitúa a cociña tradicional de Galicia no escaparate tanto nacional como internacional. “Este premio nacional de gastronomía é un recoñecemento oficial á gran tarefa dos cociñeiros e restauradores e unha bonita homenaxe ao arduo labor dunha das máis importantes defensoras da cociña tradicional galega, Dolores Torres Rodríguez”, sinalou.

A gastronomía constitúe a segunda motivación pola que os turistas elixen viaxar á nosa comunidade, polo que é un recurso fundamental para o destino Galicia. Castro asegurou que a gastronomía e o enoturismo son parte moi relevante na oferta diferencial de Galicia como destino, xa que complementan a experiencia turística dos viaxeiros e mesmo constitúen o motivo fundamental da viaxe de boa parte dos turistas que recibe Galicia.

Recoñecemento internacional
Nava Castro sinalou tamén que a nosa gastronomía é recoñecida a nivel internacional tanto pola calidade dos nosos produtos como pola dos seus establecementos de restauración. A nosa comunidade conta con máis de trinta produtos recoñecidos co distintivo de Indicación Xeográfica e cinco Denominacións de Orixe vinícolas, 13 restaurantes con Estrella Michelin e 26 restaurantes que atesouran 37 Soles Repsol.

Por outra parte, fixo referencia á multitude de eventos de exaltación de produtos alimentarios que realizan unha imprescindible achega á conservación do patrimonio culinario de Galicia e lembrou que a nosa comunidade atesoura máis de 300 festas enogastronómicas.

“A gran variedade de materias primas, unida á calidade destas e a excelente xeración dos nosos xefes de cociña, fan que Galicia sexa distinguida como un dos mellores destinos gastronómicos”, engadiu.

Pedro Subijana
En referencia ao premiado, Pedro Subijana, Nava Castro sinalou que é un dos protagonistas das maiores revolucións que a gastronomía española experimentou no século XX. “Ademais do seu amplo currículo persoal e profesional, a Subijana temos que agradecerlle o seu extraordinario labor e o seu compromiso coa formación, sobre todo cos máis novos que desexan coñecer e formarse dentro do mundo da cociña”, concluíu.